Saturday 27 de April de 2024

O Concello promove a escritura creativa entre a súa veciñanza cun certame de relatos con Paderne como escenario e 400 euros de premio


Organiza o I Certame de Relatos Cortos, aberto ás persoas maiores de 10 anos, con prazo de entrega ata o 6 de abril

O Concello de Paderne promove a escritura creativa entre a súa veciñanza. Faino coa posta en marcha dun concurso literario bautizado como I Certame de Relatos Cortos, a través do cal as persoas empadroadas no municipio poderán amosar o seu talento literario.

Este concurso está aberto para persoas maiores de 10 anos, que participarán nunha única categoría na que se premiará o mellor relato de historia real ou de ficción que aconteza ou estea relacionado co Concello de Paderne.

Os traballos deben ser orixinais, inéditos e non premiados, ademais de estar escritos en lingua galega e presentados en formato DIN A4, formato narrativa ou poesía. A extensión máxima é de cinco páxinas, por unha soa cara, en letra Arial tamaño 12 e intercalado 1,5 no caso de ser mecanografado, xa que tamén pode ser a man.

Un xurado de tres persoas elixido polo Concello de Paderne será o encargado de valorar a calidade da escritura, a técnica literario ou a orixinalidade como factores para determinar o mellor traballo de entre todos os presentados -xunto coa folla de inscrición- no Concello de Paderne ou na sede electrónica. A prazo para recibir candidaturas pecha o día 6 de abril.

O venres 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, na Praza do Campo da Escola de Insua, celebrarase unha gala na que se anunciará á persoa gañadora, que levará un premio de 400 euros e unha cesta de produtos típicos da zona, ademais da publicación do relato nunha obra de recompilación e un lote de 30 exemplares.